• Skip to primary navigation
  • Skip to main content
  • Skip to footer

Xeodestino

Terras de Santiago

  • Inicio
  • Rutas ao volante
  • Rutas de sendeirismo
  • Festas de Interese
  • Qué visitar
  • Contacto
  • Galego
  • English

Rutas de sendeirismo

O Xeodestino Terras de Santiago conta cun excelentes recursos naturais e paisaxísticos que merece a pena descubrir. Coutos de pesca, sendeiros e vereas no interior ou ao carón dos ríos, monumentos megalíticos, especies únicas como as existentes na serra do Careón, que forma parte da Rede Natura 2000, son só algúns deles. Nos 28 concellos do territorio hai numerosos sendeiros que lle permitirán descubrir unha natureza privilexiada, e que se veñen sumar ás rutas de sendeirismo homologadas pola Federación Galega de Montañismo que lle resumimos a continuación. Un mar de oportunidades para gozar.

Rutas ocultar
PR-G 169 Ruta Fervenza das Hortas (Arzúa)
PR-G 129 Senda Rodís-Xesteda (Cerceda)
PR-G 130 Senda Meirama-Xalo-Meirama (Cerceda)
PR-G 131 Ruta Cerceda-Portobrea (Cerceda)
PR-G 117 Ruta da Fraga aos muíños (Mesía)
PR-G 238 Rúta dos petróglifos (Teo)
PR-G 125 Sendeiro de Visantoña (Santiso)
PR-G 226 Ruta da Beseña (Santiso)
PR-G 235 Sendeiro de Sobrado dos Monxes (Sobrado dos Monxes)
PR-G 166 Ruta das Fervenzas (Toques)
PR-G 167 Ruta da Ermida (Toques)
PR-G 168 Ruta dos Megalitos (Toques)
PR-G 121 Ruta dos Tres Ríos (Touro)
PR-G 93 Ruta da Ribeira do Ulla (Touro)
PR-G 233 Ruta da Fervenza das Hortas ao Río Lañas (Touro)
PR-G 36 Sendeiro de San Xoán da Cova (Vedra)
PR-G 195 Muíños do Río das Gándaras (Vilasantar)

PR-G 169 Ruta Fervenza das Hortas (Arzúa)

PR-G 169 Ruta Fervenza das Hortas (Arzúa)

Información

Distancia: 20 km

Tempo: 5 horas 30 minutos.

Dificultade: Media

Circular: No

Punto de saída: Capela da Fonsanta, ao carón do río Iso, en Arzúa, a uns 45 minutos en coche dende Santiago

Punto de chegada: Fervenza das Hortas, no límite entre os concellos de Touro e Arzúa. Dende aquí pódese enlazar co PR-G 233, ruta da Fervenza das Hortas ao río Lañas.

O percorrido iniciase na capela de Fonte Santa, na estrada que vai de Arzúa ao encoro de Portodemouros. Entre os puntos principais destacan o Torrente de Maroxo, que termina no couto do mesmo nome e ofrece unha panorámica única de Arzúa; o encoro de Portodemouros; o museo do mel O Enredo do Abelleiro e, finalmente, a espectacular Fervenza das Hortas, de 30 metros de altura e límite natural entre Arzúa e Touro. Esta ruta pódese facer en sentido inverso, comezando na Fervenza das Hortas, como se explica neste enlace.

Dende a Fervenza das Hortas pódese continuar polo PR-G233 ata a desembocadura en Touro do río Lañas no Ulla, enlazando neste punto co PR-G 121, que a súa vez conecta co PR-G 93, permitindo facer un percorrido paralelo ao Ulla, augas abaixo, duns 40 quilómetros ata o concello de Boqueixón.
+ info

PR-G 129 Senda Rodís-Xesteda (Cerceda)

PR-G 129 Senda Rodís-Xesteda (Cerceda)

Información

Distancia: 12,5 km

Tempo: 5 horas.

Dificultade: Baixa

Circular: Sí

Punto de saída e chegada: Igrexa de Rodís, en Xesteda (Cerceda), a uns 40 minutos en coche dende Santiago ou dende A Coruña.

O sendeiro pode iniciarse en dous puntos: na Igrexa de San Martiño de Rodís, unha pequena xoia da arquitectura tradicional, ou na de Santa Comba de Xesteda. Entre paisaxes agrarias e forestais, a ruta atravesa lugares como as pontellas dos ríos Pazos e Cerdeira; Astande de Arriba, onde hai un gran hórreo, ou a Casa da Barrosa.
+ info

PR-G 130 Senda Meirama-Xalo-Meirama (Cerceda)

 

PR-G 130 Senda Meirama-Xalo-Meirama (Cerceda)

Información

Distancia: 7,6 km

Tempo: 2 horas 30 minutos

Dificultade: Baixa

Circular: Si

Punto de saída e chegada: Igrexa de Santo André de Meirama (Cerceda), de orixe románica

O sendeiro ascende os montes do Xalo pola ladeira sur, un terreo máis chairo que a cara norte da serra. Ao norte do Coto do Río, a escasos 400 metros deste PR-G, está situada a Pedra de Mazafacha, límite común dos municipios de Cerceda, Carral e Culleredo e fonte de numerosas lendas.
+ info

PR-G 131 Ruta Cerceda-Portobrea (Cerceda)

 

PR-G 131 Ruta Cerceda-Portobrea (Cerceda)

Información

Distancia: 8,2 km.

Tempo: 2 horas 15 minutos

Dificultade: Baixa

Circular: Non

Punto de saída: Igrexa de San Martiño de Cerceda.

Punto de remate: Área recreativa e praia fluvial de Portobrea, a media hora en coche dende A Coruña.

Apta para facer en BTT

Son puntos de interese desta ruta a Igrexa de San Martiño de Cerceda, o bosque de ribeira do río Tourío, o monte da Revolta, as ribeiras do río Lengüelle e a praia fluvial e área recreativa de Portobrea. No bosque fluvial que se pode ver nesta ruta predomina o ameneiro, aínda que tamén están presentes os salgueiros.
+ info

PR-G 117 Ruta da Fraga aos muíños (Mesía)

 

PR-G 117 Ruta da Fraga aos muíños (Mesía)

Información

Distancia: 15,9 km. Ruta principal de 13,45 km; e derivacións de ida e volta de 2,45 km

Tempo: 3 horas

Dificultade: Baixa

Circular: Non

Punto de saída: Antigo camiño da Fraga, no lugar de Ricos, en Visantoña (Mesía), a 40 minutos en coche tanto Santiago como dende A Coruña..

Punto de remate: Área recreativa da Ponte Carballa, en Olas.

Ruta deseñada para por en valor a paisaxe e o patrimonio natural, histórico, arquitectónico e etnográfico de Mesía. Ao longo do camiño visítanse catro muíños tradicionais restaurados e dotados con paneis informativos: o da Ribeira, o de Queiroa, o do Batán e o da Cubela.
+ info

PR-G 238 Rúta dos petróglifos (Teo)

 

PR-G 238 Rúta dos petróglifos (Teo)

Información

Distancia: 11,9 km

Tempo: 3 horas 45 minutos

Dificultade: Baixa

Circular: Sí

Punto de saída e chegada: Cornide (Teo). Ruta en forma de ‘piruleta’ a menos de media hora en coche dende Santiago.

Apta para facer a cabalo ou en bicicleta

Pola gran densidade de xacementos de mámoas e petróglifos existentes e polas características destes gravados, este sitio arqueolóxico representa unha das áreas de maior importancia en Galicia. A ruta achégase aos petróglifos do Rio de Angueira, Outeiro do Corno ou Pena Bicuda de Regoufe e de Loureiro, entre outros. Recoméndase facela de noite para admirar os petróglifos á luz das lanternas.
+ info

PR-G 125 Sendeiro de Visantoña (Santiso)

Información

Distancia: 14,23 km

Tempo: 4 horas

Dificultade: Baixa

Circular: Sí

Punto de saída e chegada: Centro social de Visantoña (Santiso), a 50 minutos en coche dende Santiago, A Coruña ou Lugo.

Pódese realizar tamén en bicicleta ou dacabalo

A maior parte do percorrido faise por pistas de terra, polo medio de pradeiras. Entre os puntos de interese desta ruta destacan o Pazo Vilar de Ferreiros, o conxunto de Muíños do Tajo, así como os restos das sepulturas megalíticas do Ribeiro, as mámoas ou as vistas do encoro de Portodemouros, construído nos anos 60 sobre o río Ulla.
+ info (Wikiloc)

PR-G 226 Ruta da Beseña (Santiso)

 

PR-G 226 Ruta da Beseña (Santiso)

Información

Distancia: 37,78 km

Tempo: 2 horas

Dificultade: Baixa

Circular: Non

Punto de saída: Lugar de Barazón (Santiso), a unha hora en coche dende Santiago, A Coruña ou Lugo

Punto de chegada: San Xoán de Visantoña, xunto ao polideportivo.

Recomendable para facer en BTT

Percorrido lineal de 37,78 km ao carón do río Ulla, recomendado para facer en bicicleta. Ten como punto de saída O Muiño dos Enmeigados, en Barazón Grande, transcorre na parte final preto do encoro de Portodemouros, onde se atpa o único ferri de augas doces de Galicia, que, de forma gratuíta, cruza aos viaxeiros dende Santiso ata Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra.
+info (Wikiloc)

PR-G 235 Sendeiro de Sobrado dos Monxes (Sobrado dos Monxes)

 

PR-G 235 Sendeiro de Sobrado dos Monxes (Sobrado dos Monxes)

Información

Distancia: 14,21 km

Tempo: 3 horas 50 minutos

Dificultade: Baixa

Circular: Sí

Punto de saída e chegada: Lagoa de Sobrado dos Monxes, a unha hora en coche tanto dende Santiago de Compostela como dende Lugo

Tamén coñecido como roteiro da ‘Pena Moura’, este sendeiro discorre entre pradarías e pequenos vales fluviais ata ascender á Serra do Bocelo, onde está a Pena da Moura. O percorrido ten como puntos de interese a Lagoa de Sobrado, o Forno dos Mouros e o Mosteiro de Santa María de Sobrado. Ademais, desde o Coto dos Tarbos obtense unha boa panorámica sobre a parte norte das terras do alto Tambre. O dolmen de Forno dos Mouros, no concello de Toques, atópase moi preto desta ruta, e nel pódese enlacasr coa PR-G 168.
+ info (Wikiloc)

PR-G 166 Ruta das Fervenzas (Toques)

 

PR-G 166 Ruta das Fervenzas (Toques)

Información

Distancia: 9 km

Tempo: 4 horas

Dificultade: Baixa

Circular: Sí

Punto de saída e chegada: Ponte da Grela, en Toques, a unha hora en coche dende Santiago de Compostela, Lugo ou A Coruña

Apta para facer a cabalo ou en bicicleta

A senda nace preto da Ponte da Grela, na capital municipal, e discorre paralela ao río Furelos en dirección á Serra do Careón, que forma parte da Rede Natura 2000. No primeiro tramo hai unha variante de 2,1 km que leva por un contorno máis agreste. É apta para facer a cabalo ou en bicicleta e conecta cos PR-G 167 e PR-G 168, permitindo combinar itinerarios. Ademais do seu valor paisaxístico e natural, un dos principais atractivos é a fervenza das Brañas, cunha caída de auga de 20 metros de altura e un antigo muíño.
+ info

PR-G 167 Ruta da Ermida (Toques)

 

PR-G 167 Ruta da Ermida (Toques)

Información

Distancia: 8,6 km

Tempo: 3 horas

Dificultade: Baixa

Circular: Primeiro lineal e logo circular

Punto de saída e chegada: A 250 metros Ponte da Grela, en Toques, a unha hora en coche dende Santiago de Compostela, Lugo ou A Coruña

Apta para facer en BTT e cabalo.

O percorrido comeza por un tramo lineal que logo se converte en circular, pode realizarse en 3 horas ou combinarse co PR-G 166 e PR-G 168
O punto de partida sitúase a 250 m da Ponte da Grela. No alto da Serra do Careón, desde o cruceiro da ermida de San Cidre divísase unha boa panorámica da contorna, que forma parte da Rede Natura 2000 e conta con especies endémicas. O camiño segue polos cumios en dirección a San Xiao, onde se poden visitar a ermida, a carballeira, a Casa Grande do Herdeiro e o castro.
+ info

PR-G 168 Ruta dos Megalitos (Toques)

 

PR-G 168 Ruta dos Megalitos (Toques)

Información

Distancia: 12,2 km

Tempo: 4 horas

Dificultade: Media

Circular: Non. Hai unha diferencia de 900 metros entre o punto de inicio e fin

Punto de saída: Aldea de Mirallos (Toques)

Punto de chegada: Monte do Peneiral.

Apta para facer en BTT e cabalo.

Poderíase considerar unha ruta circular, aínda que hai unha diferencia duns 900 metros entre o punto de inicio, en Mirallos, e o de final, no monte do Peneiral, que se pode facer de forma illada ou combinándoo cos PR-G 166 e PR-G 167, que transcorren pola serra do Careón, catalogada como Lugar de Importancia Comunitaria.

Ademais das espectaculares vistas panorámicas desde a serra do Bocelo, o atractivo principal desta ruta é o dolmen de Forno dos Mouros, un dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia, que conserva case a totalidade das súas pinturas.
+ info

PR-G 121 Ruta dos Tres Ríos (Touro)

 

PR-G 121 Ruta dos Tres Ríos (Touro)

Información

Distancia: 8,9 km

Tempo: 3 horas 30 minutos

Dificultade: Media

Circular: Non

Punto de saída: Área recreativa de Ponte Santaia, preto de Fonte Díaz, a uns 45 minutos en coche dende Santiago.

Punto de chegada: Ponte Basebe. Dende aquí pódese iniciar o PR-G 93.

Pódese facer en sentino inverso

O percorrido pasa polas parroquias de Touro, Fao, Cornado e Novefontes, paralelo na maior parte do percorrido aos ríos Lañas, Beseño e Ulla nun continuo e leve descenso que remata na Ponte Basebe, que comunica Touro con Vila de Cruces. Tamén se pode facer en sentido inverso.

O sendeiro ofrece espazos naturais de gran beleza e, ademais, permite observar numerosos muíños, o primeiro deles o muíño da Carballa, no quilómetro dous. A fervenza coñecida como o Salto das Pombas, cunha caída desde 10 metros de altura, é outro dos atractivos desta ruta.
Na desembocadura do río Lañas conecta co PR-G 233 e, en Ponte Basebe, co PR-G 93
+ info

PR-G 93 Ruta da Ribeira do Ulla (Touro)

 

PR-G 93 Ruta da Ribeira do Ulla (Touro)

Información

Distancia: 12,8 km

Tempo: 4 horas

Dificultade: Media-baixa

Circular: Non

Punto de saída: Ponte Basebe, que comunica os municipios de Touro e Vila de Cruces sobre o río Ulla. A uns 45 minutos en coche dende Santiago de Compostela

Punto de chegada: San Pedro de Ribeira.

Accesible para facer en bicicleta e dacabalo.

Tomando como punto de partida a Ponte Basebe, o camiño discorre pola marxe dereita do Ulla, tendo ao río como principal protagonista. Camíñase por sendas de pescadores entre bosques de ribeira, restos de muíños e abandonadas ouriceiras ata aproximarse á fermosa paraxe da fervenza do Inferniño, os muíños de Quintas e as ruínas do Pazo de San Cristovo, antes de atravesar a vaira do Pozo do Pego e rematar na estrada a San Pedro de Ribeira.

Conecta do PR-G 121, que permite seguir ao carón do Ulla ata a desembocadura do Lañas, aquí enlazar co PR-G 233 ata fervenza das Hortas, xa no límite co concello de Arzúa e, dende aquí, continuar polo PR-G 169.
+ info (Wikiloc)

PR-G 233 Ruta da Fervenza das Hortas ao Río Lañas (Touro)

 

PR-G 233 Ruta da Fervenza das Hortas ao Río Lañas (Touro)

Información

Distancia: 12,32 km

Tempo: 4 horas

Dificultade: Media

Circular: Non

Punto de saída: Fervenza das Hortas, no límite entre os concellos de Arzúa e Touro. A uns 50 minutos en coche dende Santiago de Compostela

Punto de chegada: Ponte na desembocadura do río Lañas.

Sendeiro que, combinado co PR-G 169 e co PR-G 121, permite completar os 40 km da ribeira do Ulla no Concello de Touro, entre Arzúa e Boqueixón.

O camiño discorre por fragas e bosques de ribeira e descobre elementos naturais e patrimoniais como fervenzas, pontes, muíños, fontes ou lavadoiros. Un desvío opcional dun quilómetro dende Os Chaos conduce ao petróglifo de Pena Furada.
+ info

PR-G 36 Sendeiro de San Xoán da Cova (Vedra)

 

PR-G 36 Sendeiro de San Xoán da Cova (Vedra)

Información

Distancia: 11,2 km

Tempo: 3 horas

Dificultade: Media

Circular: Non

Punto de saída: San Xoán da Cova, en Vedra. A uns 30 minutos en coche dende Santiago de Compostela

Punto de chegada: Área recreativa de Cubelas, na parroquia de Covelas.

A ruta lineal discorre pola marxe dereita do río Ulla, aproveitando camiños de paso e sendas de pescadores. Parte dende o miradoiro de Gundián en San Xoán da Cova, aos pés do impresionante viaduto do tren a 50 metros sobre o río Ulla, para alcanzar o núcleo urbano da Ponte Ulla e continuar pola área recreativa de Agronovo, o couto de Ximonde e finalizar na área de recreo de Cubelas.
+ info (Wikiloc)

PR-G 195 Muíños do Río das Gándaras (Vilasantar)

Información

Distancia: 11,5 km

Tempo: 4 horas

Dificultade: Moderada

Circular: Non

Punto de saída: Muiño do Ponte Sapo, en Vilasantar, a 50 minutos en coche dende Santiago de Compostela ou A Coruña.

Punto de chegada: Ponte da Gándara

Paseo fluvial polos ríos Cabalar e das Gándaras, afluentes do Tambre que separan Vilasantar de Boimorto, que comeza no muíño do Ponte Sapo. No percorrido pódense ver unha ducia de muíños, entre os que destaca o batán de Mezonzo. Xunto coa fervenza e co serradoiro, este muíño forma un fermoso enclave dun gran valor etnográfico e cultural.

Reader Interactions

Footer

O Xeodestino Terras de Santiago está conformado por 28 municipios da área de influencia de Compostela polos que pasan todos os Camiños de Santiago. O Camiño, cos seus diferentes trazados e variantes, é o principal nexo de unión deste territorio, que ten unha orografía marcada en gran medida polos ríos Ulla e Tambre. A importante riqueza paisaxística e monumental completan a singularidade deste territorio que te animamos a coñecer para que poidas descubrir os seus segredos.

  • Inicio
  • Rutas ao volante
  • Rutas de sendeirismo
  • Festas de Interese
  • Qué visitar
  • Contacto
  • Galego
  • English

Copyright © 2021 · Xeoturismo

  • Galego
  • English