Ruta do Tambre
Propoñemos unha ruta turística polos concellos de Boimorto (Comarca de Arzúa), Vilasantar (Comarca de Betanzos), Sobrado, Toques e Melide (Comarca de Terra de Melide), todos eles no interior da provincia da Coruña, Galicia.
Información
Distancia total: 79 km.
Duración recomendada para completar a ruta: 2 días.
Ruta circular: é posible iniciala en calquera punto do itinerario.
Tempo estimado de desprazamento: 2 horas en coche.
Desde A Coruña, Santiago de Compostela ou Lugo chegarás á ruta en menos de 1 hora.
Introducción
Nesta ruta, a pedra transpórtanos no tempo a través de monumentos megalíticos, xacementos romanos, igrexas románicas, pazos e cruceiros. A auga flúe no nacemento do Tambre e o Mandeo, na lagoa de Sobrado, no río Furelos, afluente do Ulla coa súa impoñente fervenza das Brañas, e no río Gándaras, afluente do Tambre cunha ruta de sendeirismo homologada e un muíño e batán rehabilitado e en funcionamento.
Descobre unha paisaxe natural no que contrastan o verde arbóreo con prados e plantacións de cereal forraxeiro da zona oeste, coa contorna montañosa, rochoso e de estradas intricadas do Monte do Bocelo e a Serra do Careón, na parte este. A Serra do Careón, protexida pola Rede Natura 2000, conta con varias especies protexidas e en perigo de extinción, algunhas delas endémicas da zona.
É unha contorna rural na que destacan a influencia dos Camiño de Santiago Francés, Primitivo e Norte, a gandaría, principalmente dedicada á produción de leite bovino e a industria agroalimentaria, xunto co sector forestal e o potencial comercial e hostaleiro de Melide, co único polígono industrial destes cinco concellos.
O queixo con Denominación de Orixe Protexida (D.O.P.) Arzúa-Ulloa e os melindres de Melide son os grandes protagonistas da afamada gastronomía local.
Para comer, comprar ou gozar do lecer nocturno, déixate aconsellar polas persoas do lugar.
Concello de Vilasantar
Igrexa Románica de Santa María de Mezonzo e conxunto de muíño e batán de Mezonzo.
Empezamos a nosa ruta en Vilasantar, por ser o punto máis próximo á cidade da Coruña.
A igrexa románica de Santa María de Mezonzo, Monumento Histórico Artístico desde 1931, é unha xoia románica de principios do século XIII. Nun mosteiro anterior que xa non se conserva profesou o abade San Pedro de Mezonzo, que chegaría a converterse en bispo de Santiago de Compostela no século X.
Moi preto da igrexa están situados o batán de Mezonzo e o muíño para gran, ambos os dous restaurados. O señor ‘Pepe do Batán’, veciño de Vilasantar, conserva e transmite a tradición do batán, poñéndoo en funcionamento e explicando a súa historia e mecanismo. Xusto á beira do batán, na ribeira do río Gándaras, atoparás a fermosa ruta PR-G 195 para facer a pé ou en bicicleta e baixando desde o muíño poderás gozar das vistas da caída de auga.
Concello de Boimorto

Tras a camiñada, diríxete a Melide pasando por Boimorto para repoñer forzas nalgún dos seus bares e establecementos hostaleiros. Boimorto converteuse nun referente musical nos últimos anos grazas ao Festival de la Luz, que se celebra o segundo fin de semana de setembro na contorna da casa onde naceu a cantante e compositora Luz Casal. Durante o festival danse cita artistas nacionais e internacionais con fins solidarios e exáltase a vida rural e a paisaxe natural.
O Camiño Norte a Santiago pasa polo centro de Boimorto e favoreceu nos últimos anos un aumento da oferta de aloxamentos con negocios de nova creación, moi recomendables para pasar a noite.
Nos meses de verán poderás relaxarche na piscina municipal ou no río Tambre, que nace en Sobrado dos Monxes e continúa por Boimorto e Vilasantar.
Fóra desta ruta, á beira da Casa do Concello, o miliario romano atopado nos anos 80 lémbranos a sinalización romana das distancias da antiga rede viaria de comunicacións. Desde alí podes desprazarte ata a igrexa románica de Sendelle, do século XII, para admirar a súa ábsida semicircular e as pinturas murais do século XVI, que fan referencia a escenas da liturxia.
Concello de Melide

Melide é o concello máis poboado desta ruta, con algo máis de 7.000 habitantes. É aquí onde se deteñen os peregrinos do Camiño Francés para degustar o polbo e a repostaría tradicional de Melide (melindres, ricos e amendoados), facer compras, sobre todo no seu mercado dominical, e tamén para gozar do ambiente nocturno os fins de semana.
O centro do pobo é pura arte en pedra e o conxunto arquitectónico da praza do Convento é o seu maior expoñente, co convento de Sancti Spirictus e a Obra Pía de Santo Antón, pazo barroco do século XVII con capela e actual sede do Concello. Á beira, o antigo hospital de peregrinos do século XVI, hoxe Museo Etnográfico Terra de Melide, completa unha visita para dedicar unha mañá a descubrir a riqueza patrimonial desta vila xurdida da man da peregrinación a Compostela.
O cruceiro de San Roque, á beira da capela do mesmo nome, é, segundo escribe Castelao en ‘As Cruces de Pedra na Galiza’, o máis antigo de Galicia.
Outros lugares de interese en Melide fóra desta ruta
Nas inmediacións do pobo, a área recreativa do río Furelos dispón de piscina e conserva a súa fermosa ponte medieval, recibindo desde hai séculos aos peregrinos á súa entrada en Melide.
Achégatee tamén en coche á igrexa de Santa María de Melide, Monumento Nacional no Camiño Francés e gran xoia arquitectónica do estilo románico da comarca.
Concello de Toques

Fervenza das Brañas
Toques é un pequeno concello duns 1.000 habitantes, protexido entre os vales da Serra do Careón e o Monte do Bocelo, moi rico en paisaxe, biodiversidade e patrimonio. O 40% do seu territorio está baixo o amparo da figura de protección ambiental Rede Natura 2000, debido á gran cantidade de especies de flora e fauna protexidas ou en perigo de extinción, algunhas delas endémicas da zona, como a Santolina Melidensis, que crece na Serra do Careón.
Desde o pobo de Melide, continúa en coche ata a Fervenza das Brañas en Toques, un impoñente salto de auga do río Furelos, afluente do Ulla, onde un antigo muíño contempla o espectáculo.
Se dispós de tempo, elixe algunha do tres rutas homologadas de sendeirismo do Concello de Toques ou a que hai no Concello de Sobrado para descubrir os principais espazos naturais e patrimoniais desta zona:
- PR-G-166 Ruta das Fervenzas, a mellor opción para chegar á espectacular Fervenza das Brañas.
- PR-G-167 Ruta da Ermida, con fermosas vistas desde a ermida de San Cidre que lle dá nome.
- PR-G-168 Ruta dos Megalitos, que inclúe o dolmen de Forno dos Mouros.
- PR-G-235 Sendeiro de Sobrado dos Monxes. Esta ruta enlaza coa anterior (Ruta dos Megalitos) e discorre polos principais puntos de interese de Sobrado.
Mosteiro de San Antolín
A segunda parada imprescindible do concello de Toques é o Mosteiro de San Antolín, do que se conserva a súa igrexa, na que converxen dous estilos prerrománicos: o hispano-visigodo e o lombardo. Unha obra arquitectónica singular entre os demais monumentos relixiosos da zona e Galicia.
Dolmen Forno dos Mouros
O Dolmen Forno dos Mouros ou dolmen de Muruxosa, é un dos monumentos megalíticos máis importantes e mellor conservados de Galicia. Situado entre Toques e Sobrado, na Serra do Bocelo, data do terceiro milenio antes de Cristo e conserva o seu corredor de entrada. Para visitalo o mellor é a pé, na Ruta dos Megalitos de Toques (PR-G 168), ou no Sendeiro de Sobrado dos Monxes (PR-G 235). Ambas se unen neste punto.
Concello de Sobrado dos Monxes

Mosteiro de Santa María
Cruzando o Monte do Bocelo desde o dolmen por unha intricada estrada, chegarás a Sobrado dos Monxes, onde che recibirá a impresionante fachada barroca do seu mosteiro, obra de Pedro de Monteagudo.
Fundado no ano 952 polo Conde de Présaras Hermenegildo, tras épocas de esplendor grazas ao traballo de sucesivas ordes monacales e outras épocas de abandono, hoxe en día o mosteiro combina a vida espiritual dos monxes beneditinos coa vida civil das persoas que se aloxan na súa hospedaría.
Merece a pena unha visita ao interior, onde, ademais da igrexa barroca do século XVII, consérvanse tres claustros construídos entre os séculos XVI e XVIII, así como a sala capitular de estilo románico.
Lagoa de Sobrado dos Monxes. Reserva da Biosfera
En Sobrado, terra de pedra e auga, nacen os ríos Mandeo e Tambre. Os monxes aproveitaron esta riqueza canalizando as augas de varios regatos no século XVI formando unha lagoa artificial que hoxe parece totalmente natural.
A súa diversidade de flora e fauna convértena no punto neurálxico da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e un dos mellores lugares para avistar aves. O seu bosque de caducifolias, os nenúfares e espigas de auga e as aves, ánades que crían na lagoa, xunto coas demais especies que habitan alí ou están de paso, convértena nun verdadeiro paraíso natural.
Tras a visita á lagoa, diríxete a Vilasantar, punto de partida e tamén de finalización da Ruta de Pedra e Auga.
Outros lugares de interese en Sobrado
Outra visita cultural interesante é o campamento romano da Ciadella, o máis extenso dos atopados na península, con aproximadamente dúas hectáreas e unha estrutura típica dun campamento para unha cohorte equitata, é dicir, con cabalaría. Grazas ás escavacións realizadas distínguese o principia (edificio administrativo relixioso), o praetorium (vivenda do alto mando) e as horreas (almacéns para gran).
Ademais, tamén podes aproveitar a túa visita a Sobrado para coñecer a obra pictórica de Bea Rei, catalogada no museo que leva o seu nome, no lugar de Lago, a escasos quilómetros da capital municipal, onde se localiza a súa casa familiar. A súa obra abarca diversos estilos pictóricos, desde a abstracción e a xeometría, na primeira metade do setenta; ao surrealismo, o expresionismo e o neocubismo nos inicios do século XXI; a súa etapa final.
Coordenadas Xeográficas
Igrexa Románica de Santa María de Mezonzo e conxunto de muíño e batán de Mezonzo en Vilasantar:
43º 0´44,02´´N / 8º 4´17,16´´O
Piscina municipal Boimorto:
43°00’15.8″N / 8°08’60.0″W
Miliario romano en Boimorto:
43°00’28.0″N / 8°07’37.0″W
Igrexa románica de Sendelle (Concello de Boimorto):
42°59’06.2″N / 8°09’15.7″W
Obra Pía de Santo Antón- Praza do Convento de Melide:
42º 54´52,58´´ N / 8º 0´59,05´´ O
Fervenza das Brañas en Toques:
42º 59´44,9´´N / 7º56´51,9´´O
Mosteiro de San Antolín en Toques:
42°59’10.3″N / 7°58’42.2″W
Dolmen de Forno dos Mouros en Toques:
43º 1´33,39´´N / 8º 4´30,98´´O
Monasteiro de Santa María de Sobrado:
43°02’20.3″N / 8°01’21.4″W
Lagoa de Sobrado dos Monxes:
43º 2´16,73´´N / 8º 0´33,6´´O