• Skip to primary navigation
  • Skip to main content
  • Skip to footer

Xeodestino

Terras de Santiago

  • Inicio
  • Rutas ao volante
  • Rutas de sendeirismo
  • Festas de Interese
  • Qué visitar
  • Contacto
  • Galego
  • English

Festas de Interese Turístico de Galicia

Galicia é terra de romarías, feiras, mercadiños tradicionais e festas gastronómicas capaces de saciar os padais máis esixentes. Unhas celebracións que tamén están presentes durante todo o ano nos municipios do Xeodestino Terras de Santiago. Os domingos pódeste achegar ao mercadiño de Padrón ou Melide, os mércores a Ordes, a feira do día 5 de cada mes a Touro, ou a dos días 8 e 22 ata Arzúa onde mercar roupa ou produtos da terra (verduras, hortalizas, queixos, mel) ou degustar un polbo exquisito.

Festas ocultar
Introducción
Entroido dos Xenerais da Ulla (Boqueixón, Santiago, Teo, Touro e Vedra)
Festa da Filloa de Lestedo (Boqueixón)
Festa do Queixo de Arzúa (Arzúa)
Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra (Melide)
Festa da Troita (Oroso)
Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar (O Pino)
Festa do Pemento de Herbón (Padrón)

Introducción

Para os amantes da gastronomía nunca faltará unha celebración na que gozar e degustar produtos da zona. Dende a festa da filloa da pedra da Baña, ata os champiñóns ou grelos de Ordes; pasando pola orella de porco ou o viño da Ulla, en Vedra; ou a festa da merenda, en Frades, son algúns exemplos. O Santo Isidro, en Rois; a festa do Emigrante, en Val do Dubra, das flores de Curtis e o festival da Luz en Boimorto son outras das celebracións das que pode gozar o visitante deste territorio.

Entre todas elas sobresaen as festa de Interese Turístico de Galicia que se celebran nos municipios do Xeodestino Terras de Santiago e que supoñen outro motivo para visitar e gozar neste territorio. Son o Entroido dos Xenerais da Ulla, a Festa do Queixo de Arzúa, a Festa da Filloa de Lestedo, a Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, a Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar do Pino, a Festa da Troita de Oroso e a Festa do Pemento de Herbón, en Padrón.

Entroido dos Xenerais da Ulla (Boqueixón, Santiago, Teo, Touro e Vedra)

Entroido dos Xenerais da Ulla (Boqueixón, Santiago, Teo, Touro e Vedra)

A bisbarra natural da Ulla posúe un orixinal entroido rural do que hai testemuñas desde mediados do século XIX: o Entroido dos Xenerais da Ulla, que se caracteriza pola presenza de xenerais e correos, engalanados con vistosos traxes, que escenifican enfrontamentos dialécticos por parella (os atranques ou altos) nos que utilizan coplas para facer burla e sátira dos asuntos locais, da política ou dos acontecementos do ano. Desta ampla comarca na que se celebra, pertencen ao Xeodestino Terras de Santiago os municipios de Boqueixón, Santiago, Teo, Touro e Vedra. Na páxina oficial do Entroido dos Xenerais da Ulla podes consultar a programación de cada ano

As personaxes máis importantes son os Xenerais e Correos a cabalo, que percorren as parroquias dos territorio ao longo de varias semanas dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque (ou alto), enfrontamento dialéctico por parellas, no que utilizan versos para resaltar e facer sátiras cos asuntos de moda ou que xeran controversia na veciñanza. Dunha parroquia a outra o Entroido da Ulla presenta pequenas diferenzas, mantendo cada un deles trazos definitorios que os fan únicos. Xenerais e Correos engalanados conforman a espectacularidade desta auténtica expresión do entroido tradicional galego.

Festa da Filloa de Lestedo (Boqueixón)

Festa da Filloa de Lestedo (Boqueixón)

E coincidindo co Entroido, aínda que máis ven cando está xaa rematar, a localidade boqueixanesa de Lestedo celebra dende 1984 a Festa da Filloa, que se converteu nunha das exaltacións gastronómicas máis importantes da comarca coa asistencia de milleiros de persoas o domingo de piñata (primeiro domingo despois do Mércores de Cinza co que comeza a Semana Santa). A filloa é a sobremesa típica do entroido galego (feita con leite, auga, fariña e ovos) que se prepara de diferentes formas e se come soa ou acompañada con mel, chourizo, carne, verduras ou un longo etcétera de combinacións.

Nos últimos anos, é habitual que durante a celebración da festa se organice o Alto dos Xenerais da Ulla na localidade de Lestedo, o que enche aínda máis de colorido esta celebración na que participa a maioría da veciñanza.

Festa do Queixo de Arzúa (Arzúa)

Festa do Queixo de Arzúa (Arzúa)

Dependendo do ano, e do calendario, o visitante poderá gozar tamén, ademais de coas filloas, coa Festa do Queixo de Arzúa que se celebra dende 1976 a primeira fin de semana de marzo para enxalzar un dos produtos da gastronomía galega, o queixo Arzúa-Ulloa, que hoxe conta con denominación de orixe protexida. Esta festa conxuga a actividade gandeira tradicional, como é a elaboración de queixos, con expresións lúdicas e artísticas de vangarda.

Milleiros de persoas acoden ata Arzúa, punto de confluencia dos Camiño do Norte, Primitivo e Francés, para participar nos festivais musicais que se organizan durante a primeira fin de semana de marzo e que rematan o domingo cunha feira exaltación do queixo de Arzúa no que se pode degustar e mercar queixos artesáns e da D.O.P. Arzúa-Ulloa.

Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra (Melide)

Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra (Melide)

No mes de maio hai dúas citas ‘obrigadas’ coas exaltacións gastronómicas. A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide é a máis importante da comarca de Melide, cunha gran proxección dende que en 2013 fora declarada de interese turístico de Galicia.  Celébrase a segunda fin de semana de maio, co fin de exaltar e poñer en valor os doces tradicionais melidenses: melindres, amendoados e ricos.

Os melindres son rosquillas pequenas ás que se lles dá brillo e cor cun baño de azucre, son os doces máis recoñecidos da repostaría de Melide. Os amendoados elabóranse con améndoas moídas, claras de ovo, azucre e obleas para a base, que lles dan o seu inconfundible aspecto. Os ricos, característicos pola súa forma alongada e a súa dureza exterior, son doces únicos que só se elaboran na Terra de Melide.

Festa da Troita (Oroso)

Festa da Troita (Oroso)

E antes de achegarse a tomar o postre a Melide, pásese por Sigüeiro o segundo domingo de maio. O Concello de Oroso enxalza dende 1997 a longa tradición troiteira do municipio, cun coto de pesca moi concorrido durante toda a tempada, situado na capital do municipio, Sigüeiro. Nesta localidade, a menos de 10 km de Santiago, celébrase o segundo domingo de maio a Festa da Troita, declarada de interese turístico de Galicia en 2009.

Un concurso de pesca e unha degustación popular son os dous eidos sobre os que se desenvolve o programa festivo durante toda a fin de semana, e que inclúe tamén actuacións musicais, obradoiros infantís e xogos tradicionais, así como o Festival Oroso en Vivo.

Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar (O Pino)

Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar (O Pino)

No mes de agosto tamén hai coincidencia festiva no Xeodestino Terras de Santiago. A Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, que se celebra dende 1999 a primeira fin de semana en Pedrouzo (Arca-O Pino), naceu como exaltación gastronómica para recuperar a especie do galo e galiña piñeira, que ten raíces na época celta. Grazas a esta festa, á implicación dos criadores e á do Concello de O Pino, o galo e a galiña piñeira contan xa con numerosos exemplares nun amplo territorio e agora pide ser recoñecida como raza autóctona de Galicia.

Dende o 2009, o programa de actos da festa coincide coa Feira Celta, que enche de colorido, actividades e historia as rúas de Arca toda a fin de semana. O domingo, día grande, celébrase a feira de galos e galiñas vivas e o concurso no que un xurado profesional elixe aos mellores exemplares de raza piñeira. A degustación e o xantar popular, no que a carne desta ave forma parte esencial do menú, son outros dos atractivos da festa.

Os amantes da equitación e dos cabalos teñen tamén unha cita obrigada o domingo coa celebración da Mostra Cabalar, na que teñen lugar diferentes exhibicións e concursos de eguas e cabalos do país, cruzados e de pura raza española, que compiten polo galardón ao mellor exemplar.

Festa do Pemento de Herbón (Padrón)

Festa do Pemento de Herbón (Padrón)

E o primeiro sábado de agosto tamén se celebra a festa gastronómica por excelencia da comarca do Sar, concretamente na carballeira do convento de Santo Antón de Herbón dende 1978: a Festa do Pemento de Herbón. Con esta exaltación do produto gastronómico que fixo famoso ao municipio, tamén se recoñece a labor dos franciscanos, que trouxeron a semente do pemento dende o estado mexicano de Tabasco no século XVII. Hoxe en día, a Sociedade Agraria de Transformación (SAT) A Pementeira, composta por unha vintena de agricultoras, está a innovar producindo marmelada e bombóns de pementos da denominación de orixe protexida. No mercado pódese atopar tamén queixo con pementos de Herbón e cervexas con sabor a pemento.


Na degustación gastronómica que se celebra na carballeira de Herbón, poderá degustar este exquisito manxar e comprobar o vello dito de que “os pementos de Herbón, uns pican e outros non”. Durante a celebración da festa poderá ser testigo privilexiado de como a Orde do Pemento de Herbón concede títulos de cabaleiros e damas a produtores e personalidades que difunden e promocionan este pemento con denominación de orixe protexida.

Reader Interactions

Footer

O Xeodestino Terras de Santiago está conformado por 28 municipios da área de influencia de Compostela polos que pasan todos os Camiños de Santiago. O Camiño, cos seus diferentes trazados e variantes, é o principal nexo de unión deste territorio, que ten unha orografía marcada en gran medida polos ríos Ulla e Tambre. A importante riqueza paisaxística e monumental completan a singularidade deste territorio que te animamos a coñecer para que poidas descubrir os seus segredos.

  • Inicio
  • Rutas ao volante
  • Rutas de sendeirismo
  • Festas de Interese
  • Qué visitar
  • Contacto
  • Galego
  • English

Copyright © 2021 · Xeoturismo

  • Galego
  • English